TVG: Rusia quere producir en Galicia dez millóns de doses mensuais da vacina Sputnik V

Rusia elixe Galicia para producir a vacina Sputnik V en España. A idea é a de fabricar dez millóns de vacinas ao mes no Porriño.

Todo está pendente de que a Axencia Europea do Medicamento autorice o seu uso. Se finalmente a EMA concede a licenza á vacina rusa, o preparado podería fabricarse nas instalacións de Biofabri no Porriño, do grupo Zendal, co que se estableceron negociacións a través do grupo investidor IberAtlantic, o socio español do Goberno ruso.

Pedro Mouriño, o CEO de IberAtlantic, confirmou que as primeiras conversas para sondar a posibilidade de que Rusia transferise a tecnoloxía de Sputnik V para fabricala en España celebráronse o pasado 26 de febreiro na Comisión Intergobernamental Hispano-Rusa.

Para que Rusia poida comercializar a súa terapia preventiva contra a covid-19 nos países europeos, un dos requisitos que esixe a Unión Europea é que se produzan en condicións GMP, o selo europeo que garante a calidade, eficacia e seguridade das vacinas, polo que deberían desenvolverse en plantas que cumpran ese requisito. Biofabri, no Porriño, é unha delas.

A negociación empresarial traballa contra reloxo para conseguir que o contrato de 100 millóns de doses que precisa a Unión Europea quede en Galicia e a produción estea dispoñible no terceiro trimestre deste ano. Iso depende da autorización da Axencia Europea do Medicamento, que aínda está en trámite. O socio vigués do fondo ruso que ten os dereitos da vacina apunta tamén a terceiros mercados.

A embaixada de Rusia en España anunciou os contactos coa farmacéutica Zendal para a produción da Sputnik V nos seus laboratorios do Porriño tras a xuntanza da Comisión Gobernamental Mixta de Cooperación Económica e Industrial entre Rusia e España.

Dous socios comunitarios, Hungría e Eslovaquia, xa mercaron a vacina directamente a Rusia, Chequia está ás portas de facelo e un laboratorio italiano xa acadou un contrato de produción de 10 millóns de doses.

FUENTE: TVG



Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *